2/6/15

O protocolo, ese "gran descoñecido", instrumentalizado pola política



El DUVI, Diario de la Universidad de Vigo, publica un reportaje sobre mi tesis doctoral, de la que di cuenta en su día AQUÍ, y que comparto a continuación.
El texto está en gallego, lengua oficial de la Universidad, pero no es difícil de entender para interesados de otras tierras (si los hay).

Olga Casal analiza o uso dos símbolos do Estado na súa tese de doutoramento

O protocolo, ese "gran descoñecido" instrumentalizado pola política

A investigadora considera que a modernización desta disciplina non é percibida pola cidadanía

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Como modo de expresarse das institucións, “de facerse tanxibles e visibles ante os cidadáns”, o protocolo continúa a ser unha “ferramenta fundamental para que as organizacións públicas ou privadas poidan relacionarse cos seus públicos e facerlles chegar a súa mensaxe”, salienta a investigadora Olga Casal, que centrou a súa tese de doutoramento nunha disciplina que “segue sendo unha gran descoñecida para a cidadanía”. Na súa investigación, Casal analiza a historia, o presente e o futuro dun “instrumento de comunicación insubstituíble” para as institucións, ao tempo que incide en como os símbolos do Estado “son instrumentalizados a través dos medios de comunicación”.

A través do estudo de diferentes casos, Casal, directora do posgrao en protocolo da Universidade da Coruña, conclúe que a pesares de que o uso destes símbolos está regulado pola lexislación, “con demasiada frecuencia esta normativa vese vulnerada por intereses mediáticos”, situación que exemplifica no uso das bandeiras, que “o poder político utiliza a súa conveniencia”. Como exemplo, esta investigadora alude a que “diariamente vemos nos medios como os partidos independentistas utilizan a bandeira da súa comunidade autónoma en solitario, cando a normativa di moi claramente que deben ondear xunto á nacional”. Así mesmo, sinala que é frecuente ver alterada a orde das bandeiras, “especialmente cando a de España loce xunto a europea”, desta volta co propósito de que a primeira “apareza como fondo escenográfico do portavoz que comparece ante os medios cando se trata de planos curtos”.

Do mesmo xeito, Casal tamén apunta que esa “mediatización” do protocolo pode observarse “no uso de símbolos relixiosos ou nas disputas pola presidencia ou a orde precedencias que se producen con frecuencia nas autoridades asistentes a un acto”. A este respecto, apunta que moitas das controversias relacionadas co protocolo parten das “interpretacións ás que se ve sometida a súa aplicación”, por unha banda, porque “non existe unha normativa clara para determinados aspectos” e porque, cando a hai, non inclúe cláusulas sancionadoras, o que provoca que se sexa “pouco esixente no seu cumprimento”. Pero tamén, engade Casal, porque é aplicada “por profesionais faltos de formación e criterio, máis próximos á afinidade política con quen lles contrata que á actividade profesional”.

Un gran descoñecido

Esta situación leva a esta investigadora a incidir na súa tese Teoría e praxe do Protocolo nas Ciencias Sociais. Controversias sobre a súa función na imaxe pública das institucións. O caso de España, que dirixiu o profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Fernando Ramos, na “enorme capacidade expresiva destes símbolos”, cuxo uso se rexe por unha disciplina que ten na “tradición histórica”, a comunicación e a lexislación as súas fontes principais. Unha disciplina que para Casal está definida pola “atemporalidade”, xa que, como conxunto de normas que rexen a celebración de actos oficiais, o protocolo constitúe unha “constante histórica universal” que segue a xogar un “importante papel” nas institucións do século XXI.

Pese a isto, “o cidadán medio segue percibindo o protocolo como algo propio das clases dirixentes e moi distanciado dos seus intereses cotiás”, sinala Casal, que incide en que a “modernización” desta disciplina constitúe “unha preocupación constante dos profesionais do protocolo, xa que esta actividade tan cotiá e tan necesaria no contexto dos actos públicos segue a ser unha gran descoñecida”. Non en van, “a modernización que o protocolo experimentou ao longo das últimas décadas non foi percibida polo cidadán medio”, que, ao seu xuízo, segue a vincular este termo aos “gastos suntuarios ou simplemente ás frivolidades propias da moda”.

Nese senso, Casal destaca que aínda que os actos públicos que celebran na actualidade “teñen un enorme arraigo na nosa historia”, tamén son froito dunha evolución, pola que “se van adaptando ás necesidades que a sociedade vai impondo”. De aí que incida en que, pese a que ao longo da historia o protocolo “relacionouse sistematicamente coa autoridade e os seus privilexios”, esta disciplina “evolucionou e democratizouse, do mesmo xeito que a sociedade”. Por iso, Casal destaca a necesidade de dar a coñecer entre a cidadanía o seu valor como un instrumento ao servizo das organizacións públicas e privadas, dada súa capacidade para “ordenar persoas, símbolos, espazos e secuencias temporais no marco dos actos ou eventos, e desa maneira, facer visibles as xerarquías e os equilibrios de poder”.

Lonxe da educación

Esta investigadora apunta tamén na súa tese ás diferentes razóns que poderían motivar ese descoñecemento xeneralizado e que, ao seu xuízo, “pasan principalmente pola falta de coñecemento e formación”. Na súa opinión, os plans de estudo en España “obviaron sistematicamente en todos os niveis educativos o coñecemento das institucións e a estrutura do Estado, o que é básico para saber como funciona un país”. A isto engade Casal a falta dunha maior formación específica nos estudos vinculados á comunicación e ao xornalismo, que na súa opinión ten como consecuencia, “que o descoñecemento do protocolo entre os profesionais destas áreas sexa maiúsculo”, problema ao que suma outro “agravante”, que os xornalistas, ao carecer dunha formación nesta área, “tampouco saiban tratar nin interpretar a linguaxe protocolaria presente nos actos públicos, co cal a transmisión da súa mensaxe é errónea ou nula”.

Un percorrido pola historia

Na súa tese de doutoramento en Comunicación, Casal tamén analiza o papel xogado ao longo da historia por unha disciplina que “estivo presente en todos os contextos históricos, desde que as sociedades humanas comezaron a organizarse e xerarquizarse, converténdose nun imprescindible instrumento ao servizo da imaxe pública do poder e dos seus representantes”. Así mesmo, tamén afonda no soporte teórico dunha disciplina da que destaca o seu carácter transversal, o que “obriga a abordar o seu estudo desde unha perspectiva ampla, panorámica e integradora, que abarca varias áreas de coñecemento integradas nas Ciencias Sociais”, ao tempo que analiza a estrutura do Estado e a normativa de precedencias, co obxectivo de que a súa tese sirva como unha “compilación ordenada do saber científico relativo ao protocolo e ao cerimonial, que na actualidade se atopa disperso por ter sido abordado desde distintas disciplinas e áreas de coñecemento”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario